29 de novembro de 2018

Cadros de outono!

Por fin temos rematados os nosos cadros de outono, que agora se atopan decorando a nosa escola! Simplemente coa reciclaxe da tapa dunha caixa de zapatos, témperas e diversos elementos naturais de outono que aportaron os nenos/as e as súas familias, fixemos verdadeiras obras de arte.
A elección das cores para pintar a tapa e máis a disposición dos diferentes elementos que compoñen cada un dos cadros foi totalmente libre. 
O resultado: creacións diferentes e especiais!






Propostas con cabazas




27 de novembro de 2018

4º aniversario de Alejandro!


Hoxe celebramos o cumple de Alejandro, cumpliu nada máis e nada menos que 4 anos! A súa mamá e a súa avoa viñeron á escola para celebralo con nós.Trouxeron unha riquíiiisima rosca de chocolate e patatiñas que tanto nos gustan!

Antes de merendar, coma sempre, Alejandro deu as correspondentes voltas ó Sol, amosándonos diferentes fotografías dos seus primeiros 4 anos de vida. A celebración culminou apagando o Sol entre tod@s e coa entrega do noso agasallo especial, que esperamos que lle gustase moito!

Aquí vos quedan algunhas fotos do ben que o pasamos.



26 de novembro de 2018

Erik cumple 3 anos!


O pasado venres celebramos o cumple de Erik e a súa mamá acompañounos neste día tan especial. Comezamos desenvolvendo a celebración do aniversario baseándonos na pedagoxía Montessori, na que puidemos comprobar todo o que medrou e cambiou Erik nestes 3 anos. Ó rematar démoslle un agasallo, feito entre tod@s con moito cariño.


Ó rematar preparamos a mesa e merendamos. A mamá de Erik trouxo unha tarta de Spiderman que estaba riquísima! Despois inflamos moitos globos e xogamos un bo anaco.


Só nos quedaba limpar un pouquiño para rematar con bo pé este cumple tan especial. Entre tod@s rematamos rapidísimo!


13 de novembro de 2018

Encargad@s do día

Un dos aspectos que define a metodoloxía do noso CRA é o feito promover que o alumnado sexa o máis autónomo posible no día a día das escolas, polo que diariamente, todos os nenos/as son encargados/as dalgunha tarefa. Na nosa escola, organizámonos do seguinte xeito:
  • 2 camareiros/as.
  • 1 encargado/a de asamblea (control de asistencia, rexistro do día da semana e do tempo, escritura do nome e debuxo do esquema corporal na pizarra).
  • 2 limpadores/as.
  • 2 encargados/as de regar as plantas.
  • 1 cociñeiro/a.
  • 1 telefonista.
  • 1 porteiro/a.
Estes encargados/as van rotando cada día. Mirade que ben desenvolvemos algunhas destas tarefas!




5 de novembro de 2018

Bodegóns de outono

A semana pasada andivemos artisteando un pouco, aproveitando a bonita estación de outono na que nos atopamos. O que fixemos foi, por equipos, construir e pintar bodegóns, con todos os elementos naturais que tiñamos no noso recuncho de outono, aportados polos nenos/as e as súas familias.

O proceso foi o seguinte:
  1. Buscamos en internet diferentes obras de arte relacionadas con bodegóns, para ter unha idea clara da actividade que iamos realizar.
  2. En equipo, elaboramos o noso bodegón libremente sobre un plato de madeira, empregando os elementos do noso recuncho de outono.
  3. Observámolo e describímolo, unha vez rematado. Vemos que froitos empregamos, onde colocamos cada un...
  4. Plasmámolo sobre papel acuarelable. Primeiro debuxámolo con lápis, despois pintamos con acuarela e por último perfilamos.
Para que vexades como o fixemos todo, deixámosvos aquí unha serie de fotos e collages. Esperamos que vos guste!


 







25 de outubro de 2018

Convivencia con Amorín e Seixo 3!


O pasado martes tivemos unha convivencia cos nenos/as das escolas de Amorín e Seixo 3, na que desenvolvemos diferentes obradoiros relacionados coa conmemoración do Samaín. Foi unha xornada moi enriquecedora e divertida para os nenos/as, pois este tipo de actividades son especialmente significativas para eles/as simplemente polo feito de saír da propia escola e relacionarse con nenos/as novos/as. Dado que as fotos tomadas foron moitas, deixámosvos aquí unha serie de collages que resumen un pouquiño todo o que fixemos neste día!




 A xornada culminou cunha merenda terrorífica na que degustamos as natillas tan especiais que elaboramos no obradoiro de cociña, entre outras cousas! Despois, como non podía ser menos, xogamos durante un bo anaco no marabilloso patio que teñen no Seixo.

Moitas grazas, compis de Amorín e Seixo 3, por unha mañá tan divertida!







24 de outubro de 2018

Ainoa xa ten 5 anos!


Este mes temos moitas celebracións, e o pasado luns tocoulle a Ainoa, a maior da clase! Cumpliu 5 anos, e neste día tan especial acompañáronnos a súa mamá, a súa tía e o seu padriño. Estivemos encantados/as con tantos invitados/as na escola!
Coma sempre, comezamos coa celebración na aula, vendo fotos coas que puidemos apreciar cánto medrou Ainoa e acompañándoa nas súas voltas ó Sol. Tivemos que ser pacientes, pois tivo que dar, nada máis e nada menos, que 5 voltas!


Ó rematar, desfrutamos dunha merenda ó aire libre, xa que o tempo tamén nos acompañou. Deixámosvos unhas fotos para que vexades como desfrutamos!


17 de outubro de 2018

Aniversario de Noemí!


Onte tivemos festa en Figueiró! Noemí cumpriu 3 anos, e para celebralo acompañounos a súa mamá Rebeca, que fixo un biscoito moi, moi rico!
Comezamos a celebración observando fotos das diferentes etapas da vida de Noemí, comprobando todo o que cambiou e o que medrou. Por suposto, Noemí encargouse de que a Terra dese as voltas correspondentes arredor do Sol! E nós mostrámoslle o noso aprezo entregándolle un agasallo moi especial.



De xeito colaborativo, montamos a mesa. Só quedaba merendar e xogar, e mirade como desfrutamos!




14 de outubro de 2018

Seguimos traballando con bandexas e propostas

Algunhas relacionadas co MAR: conteo, lecto-escritura, motricidade fina, grafomotricidade, experimentación...


E outras de temáticas variadas que nos permiten traballar e afianzar o recoñecemento das cores, clasificación, serie numérica, utilización da tesoira, recoñecemento de determinadas letras, formación de palabras sinxelas, observación respectuosa dos libros e contos... respectando a etapa e nivel na que se atopa cada neno/a. A verdade é que non paramos!

Cada día ímolo facendo de xeito máis organizado, aprendemos a esperar e observar ós compañeiros/as, respectamos os turnos, recollemos os materiais que empregamos, controlamos o nivel de ruido da aula... e sobre todo, desfrutamos do que facemos!




Autonomía en tarefas diarias

Pouco a pouco imos collendo o ritmo da aula nas rutinas, nas tarefas diarias... cada día nos desenvolvemos con máis autonomía e seguridade polos diferentes espazos. 
Mirade que ben se nos dá a xarra da auga na zona de merendas, respectando os turnos!

5 de outubro de 2018

Leo cumple 3 anos!


Hoxe celebramos na escola o cumple de Leo dun xeito moi especial. A súa mamá Ceci e o seu irmán Enzo viñeron a acompañarnos neste día tan importante. Comezamos a celebración no interior, representando simbólicamente o xiro da Terra arredor do Sol, responsable do paso dos anos. Tres voltas deu Leo arredor do Sol para celebrar os seus 3 aniños!


Tras apagar a vela en equipo e entregarlle un agasallo feito con moito cariño por todos/as, saímos ó patio a merendar e sobre todo... a xogar! Mirade, mirade!
 


4 de outubro de 2018

A nosa primeira saída!

Hoxe pasamos unha mañá ben divertida, cos nosos compañeiros/as do Seixo e das escolas de Estás e Vilachán! Despois de coñecernos un pouco, bailar e cantar, subimos visitar a biblioteca onde coñecemos á mascota Iris. Alí, a profe Rebeca fíxonos desfrutar dunha fermosa sesión de contacontos relacionada co mar. Estivemos moi atent@s!


Despois de escoller un conto para levar para á casa merendamos e xogamos un bo anaco.


E por último visitamos o mercado, coñecendo as diferentes tendas que o compoñen e o que se vende nelas:


E como non podía ser menos, xa que andamos a voltas co proxecto do mar...



1 de outubro de 2018

Decoramos o noso patio

Aproveitando o bo tempo que nos acompaña, comezamos a decorar os neumáticos que colocamos no patio a modo de maceteiros para as plantas. 
Pintamos libremente empregando bastonciños coas cores primarias e máis o branco, facendo lunares e diferentes trazos, en definitiva, desenvolvendo a nosa creatividade. Seguiremos pintando ó longo da semana para rematar de decoralos, empregando diferentes materiais.
Posteriormente, utilizamos pedras para decorar a parte interior do neumático, arredor das plantas.  A continuación deixámosvos algunhas fotos do proceso e o resultado de hoxe!