27 de febreiro de 2019

Izan cumpre 5 anos!


Onte celebramos na escola o cumple de Izan, que xa ten 5 aniños! 
Coma sempre, comezamos coa celebración da vida na que Izan e a súa mamá nos amosaron diferentes fotografías; trouxeron incluso unha ecografía! Aquí xurdiu un pequeno debate sobre se os bebés tiñan gafas de bucear cando estaban dentro da barriga... as opinións eran moi diversas!
Ó rematar entregámoslle a Izan o seu agasallo, que preparamos días antes con moito agarimo.

Fixo un tempo estupendo, polo que a merenda fixémola ó aire libre. Preparamos a mesa entre tod@s e probamos a deliciosa tarta dos Minions que nos trouxo a mamá de Izan. O resto da mañá, xogar e xogar! Deixámosvos aquí algunhas fotiños desta xornada.



25 de febreiro de 2019

Xa temos composteiro na escola!

O pasado venres tivemos moito traballo... tivemos que montar o composteiro para a nosa escola! Grazas ó traballo en equipo conseguímolo  moi pronto, e enseguida comezamos a buscar miñocas para que se instalasen na súa nova casa, aínda que non tod@s nos atrevemos a collelas!

A partir de agora, colaboraremos entre tod@s para traer á escola mondas de froita, restos do café, pan, follas... e pouco a pouco ir elaborando compost para que o que sementemos na nosa horta medre moito! Aquí vos deixamos algunhas fotos para que vexades como o fixemos.



17 de febreiro de 2019

14-F, Día do Amor



O pasado xoves, durante o patio, encargámonos de preparar todo, para que estivese listo ás 14:00 h cando as familias chegasen á escola.


Así de bonito lucía o noso porche con este tendal, que recolle un anaquiño da vida e dos sentimentos de cada neno/a e da súa familia.


Creamos con barro

O pasado mércores acudimos á escola de Vilameán, para realizar o 2º obradoiro de Cre-Arte deste curso. O material a empregar foi o barro, co cal experimentamos empregando diferentes técnicas.




14 de febreiro de 2019

Seguimos a voltas co mar!


A pasada semana, cando chegamos á escola, atopamos na nosa mesa de experimentación un pingüín conxelado. A proposta era tratar de liberalo empregando auga quente e sal. Encántanos desconxelar cousas!
Este foi o punto de partida para seguir investigando sobre este curioso animal, polo que como vedes, estamos a desenvolver na aula diversas propostas relacionadas coa súa anatomía.

Ademais, grazas á campaña desenvolvida polo Exército de Terra, puidemos apadriñar un pingüín da Antártida, ó cal lle puxemos o nome de CLARA. Aproveitamos para ver algúns vídeos sobre o desxeo, concienciándonos da importancia de coidar o noso planeta.


Xa que nos atopamos no inverno, que mellor que investigar un pouquiño sobre os lugares máis fríos do noso planeta, os Polos Norte e Sur. Despois de investigar, averiguamos que no Polo Sur, tamén chamado Antártida, viven a maioría dos pingüíns, e tamén moitos outros animais mariños que tiñamos que coñecer! Comezamos así con unha pequena introdución á Xeografía, contando co apoio do profe Adrián.


Ubicamos miniaturas de diferentes especies de animais na zona da Antártida na que viven: balea, foca, calamar, orca, pingüín Emperador, Adelaida e Juanito.

Formamos a palabra "ANTÁRTIDA" con letras móbiles e moldeamos a súa forma con plasti branca.

E moooooitas máis cousiñas que vos iremos contando!






3 de febreiro de 2019

1 de febreiro de 2019

Aniversario de Brais!


Hoxe celebramos na escola o cumple de Brais, 4 aniños xa!
Ás 11:00 chegou a súa mamá para pasar esta xornada con nós, e comezamos coa celebración. Olga e Brais trouxeron un montón de fotos que nos permitiron ver todo o que medrou ó longo destes anos. Despois de dar 4 voltas ao Sol, apagámolo! Este é un dos momentos dos cumples que máis nos gusta.
Só quedaba entregarlle o agasallo, un tarriño de cristal feito con moito cariño por todos/as cheo de palabriñas sobre o que Brais significa para nós.


Despois disto tocaba montar a mesa para merendar, entre todos/as, e non se nos dá nada mal. A torta de cenoria e laranxa que nos trouxo a mamá de Brais estaba riquísima! Aroa, tamén quixo traer da casa unhas galletiñas con motivo da celebración, polo que tivemos unha merenda moi completa. Ó rematar xogamos moito dentro da escola, xa que o temporal de hoxe non nos permitiu saír ó exterior. Aínda así, desfrutamos un montón!