10 de abril de 2019

Aniversario de Aroa!


Onte Aroa cumpriu 5 anos! Ese mesmo día celebrámolo na escola, acompañados pola súa avoa Leo.

Comezamos desenvolvendo a celebración da vida, onde Aroa tivo que dar as súas 5 voltiñas ao sol. Ao remate de cada volta, íanos amosando fotografías nas que puidemos comprobar canto cambiou dende que era un bebé, explicándonos con detalle cada unha delas. Algunhas fotos sorprendéronnos moito! Ó rematar, entregámoslle o agasallo que con tanto cariño lle preparamos, e que lle fixo moita ilusión! Non quixo esperar a chegar á casa para abrilo, e nada máis rematar a merenda, puxémonos a ler todas as palabriñas que lle escribiron os seus compeñeiros/as.


Ó rematar tocaba merendar: patatiñas, zume de piña e biscoitos, que a avoa de Aroa fixo con moito cariño. O resto do tempo dedicámolo a xogar. Mirade que ben o pasamos!



28 de marzo de 2019

A flor do pexegueiro

Moito nos gusta elaborar floreiros e despois debuxalos! Xa o fixemos con mimosas e con azaleas, e foi unha experiencia moi enriquecedora, pois todos os nosos sentidos e as habilidades artísticas entran en xogo. Nesta ocasión, atrevémonos coa fermosa flor do pexegueiro, utilizando a técnica de estampación con algodóns. Como o tempo nos acompañou, fixémolo ao aire libre!




P R I M A V E R A

O pasado xoves comezou a primavera, unha estación chea de cor que nos permite traballar múltiples habilidades, destrezas e contidos na escola. 


Elaboramos xardíns de flores empregando plantillas de madeira, traballamos os insectos asociando as miniaturas con imaxes reais e tamén co seu nome, buscámolos nas enciclopedias e inventarios para saber máis cousas deles, experimentamos libremente na mesa de experimentación, elaboramos conxuntos de flores, follas, pedras... asociando número e cantidade, etc.


Tamén nos aproximamos ao coñecemento de flores como a cala, a margarita o xacinto e o clavel, asociando fotografía, nome e flor real; fixemos puzzles realacionados coa primeravera e clasificamos bolboretas por tamaños (grande-mediano-pequeno). 

Mirade a de cousas que fixemos, e a primavera aínda acaba de comezar!





22 de marzo de 2019

Seguimos traballando por propostas!





Convivencia en Vilameán

O pasado venres, todo o CRA acudimos á escola de Vilameán con dous propósitos: pintar as obras de arte que elaboramos con barro na anterior sesión de Cre-Arte e coñecer diferentes aspectos sobre as conservas e a importancia do seu consumo, grazas á modalidade "Ponlle as pilas ao teu bocata" do Plan Proxecta. Como poderedes imaxinar, merendamos bocatas de conservas: atún, sardiñas, chocos... Foi unha experiencia moi positiva! Aquí vos quedan algunhas fotiños.