20 de maio de 2019

Día Mundial das Abellas

O 20 de maio conmemórase o Día Mundial das Abellas, e na escola de Figueiró non podíamos deixar pasar esta data sen falar da importancia deste insecto para a vida no planeta. 


Como vedes, xa temos bastante clara a anatomía das abellas  (cabeza, tórax, abdome, patas, ás, antenas...) despois de levar dúas semanas realizando propostas relacionadas con este insecto.


Aprendemos que a maioría das froitas e verduras obtémolas grazas á función das abellas como polinizadores importantísimos. Debatemos sobre qué pasaría se non houbese flores, nin froitas, nin plantas, qué nos pasaría a nós ou a outros animais. Tamén falamos sobre como debemos comportarnos se nos topamos con elas ou sobre  o perxudicial que resulta para elas o uso de pesticidas. Pouco a pouco imos concienciándonos sobre a necesidade de coidar o noso planeta!

17 de maio de 2019

Día das Letras Galegas

O pasado xoves día 16 celebramos na escola da Aurora o Día das Letras Galegas. Xuntámonos todas as escolas do CRA e tamén asistiron numerosas familias.

Comezamos bailando unha canción para coller forzas e acto seguido realizamos diferentes xogos tradicionais: chapas, mariola, rá...

Posteriormente, puidemos desfrutar da  instalación "Curemos a nosa lingua", elaborada pola totalidade de alumn@s e profes do CRA, composta por multitude de vendas que, de xeito simbólico, pretenden "curar" a lingua galega. En cada unha delas estaba cosida a man, unha palabra significativa da nosa lingua: aloumiño, bico, aperta, arrolo... Encantounos vela por dentro e escoitar o son dos axóuxeres cando moviamos as vendas. 

Ó rematar merendamos e descansamos un pouquiño, pois aínda nos quedaba pendente a carreira solidaria de "Gotas para Níger". Íamos moi motivad@s e demos un montón de voltas!  Aquí vos quedan algunhas fotiños que resumen esta enriquecedora xornada. 

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!




15 de maio de 2019

DÍA DA FAMILIA

Hoxe na escola de Figueiró conmemoramos o Día da Familia, e foron moitos/as os familiares que acudiron á aula a pasar un ratiño con nós.
Realizamos diferentes xogos de mesa, puzzles de xeito cooperativo e tamén un obradoiro de "slime". Nen@s e adultos, estivemos moi concentrados e entretidos durante máis dunha hora.

Ó rematar saímos ó patio a merendar. Tiñamos gran variedade de cousas: tortilla, croquetas, biscoito... E despois a xogar!

Antes de marchar, non nos podíamos esquecer de levar para a casa as obras de arte que os nen@s con tanto cariño elaboraron. Agora toca decidir onde colgalas!

Moitísimas grazas a todas as familias pola vosa implicación e colaboración na escola; é algo importantísimo para os vosos nen@s, e tamén para min como mestra.

FELIZ DÍA DA FAMILIA!


 



"Estás na auga"

Na xornada de onte fixemos unha saída escolar a Estás, grazas ao programa "Voz Natura". Alí aprendimos moitas cousas sobre a auga, coñecemos a uns anfibios chamados rabilongas, que só viven en augas puras, bebemos auga fresca dun manantial, xogamos e experimentamos con ela.

Ó rematar axudamos a reforestar o monte plantando carballos, de xeito cooperativo. Aquí vos deixamos algunhas fotiños.




7 de maio de 2019

Investigamos sobre AS ABELLAS

Con motivo do inicio da primavera, e dada a curiosidade que espertan estes insectos nos nen@s cada vez que os vemos no patio, comezamos unha pequena investigación sobre AS ABELLAS ó longo deste trimestre. Pouco a pouco iremos aprendendo cousiñas relacionadas coa súa anatomía, alimentación, forma de vida... e sobre todo, a súa importancia para o sostemento da vida no noso planeta. Como xa sabedes, toda colaboración e aportación pola vosa parte, será ben recibida. Mirade todo o que andivemos a facer polo momento!




Contacontos na escola

Fai unha semaniña a mamá de Alejandro veu á escola para contarnos un conto moi divertido: "Nunca hagas cosquillas a un tigre". Tras seleccionar todos os animais que eran necesarios para poder contalo como se merece, Alejandro ofreceulle a súa axuda e tod@s puidemos desfrutar deste fantástico conto que nos contaron entre os dous. Moitas grazas a Almudena, por vir pasar este ratiño con nós!