O pasado xoves día 16 celebramos na escola da Aurora o Día das Letras Galegas. Xuntámonos todas as escolas do CRA e tamén asistiron numerosas familias.
Comezamos bailando unha canción para coller forzas e acto seguido realizamos diferentes xogos tradicionais: chapas, mariola, rá...
Posteriormente, puidemos desfrutar da instalación "Curemos a nosa lingua", elaborada pola totalidade de alumn@s e profes do CRA, composta por multitude de vendas que, de xeito simbólico, pretenden "curar" a lingua galega. En cada unha delas estaba cosida a man, unha palabra significativa da nosa lingua: aloumiño, bico, aperta, arrolo... Encantounos vela por dentro e escoitar o son dos axóuxeres cando moviamos as vendas.
Ó rematar merendamos e descansamos un pouquiño, pois aínda nos quedaba pendente a carreira solidaria de "Gotas para Níger". Íamos moi motivad@s e demos un montón de voltas! Aquí vos quedan algunhas fotiños que resumen esta enriquecedora xornada.
FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!
Ningún comentario:
Publicar un comentario